Que é CA.DI.SAN?

Recoñecida pola Xunta de Galicia como Fundación de Interese Galego, CADISAN nace en xuño de 2015 ó abeiro de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. A súa finalidade é a asistencia social, o fomento da economía social e a promoción e atención ás persoas en risco de exclusión social.

Entre as súas funcións destaca a de promover empresas de inserción laboral como ferramenta de inclusión e loita conta a exclusión social. É nesta liña de traballo na que xorde en 2015 Arroupa, Empresa de Inserción Laboral sen ánimo de lucro.

Este proxecto empresarial naceu da man dun programa de formación no que participaron persoas en risco ou situación de exclusión social, polo que a súa vinculación de cara a apoiar ás persoas que se atopen nesta situación chegou mesmo antes que a consolidación como Empresa de Inserción Laboral.

compromiso social

E QUE É UNHA EMPRESA DE INSERCIÓN LABORAL?

As empresas de inserción laboral constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas da economía social, tendo por obxectivo a integración e a formación, tanto social coma laboral, de persoas en risco ou situación de exclusión social como tránsito ó emprego ordinario, ofrecendo postos de traballo dignos cunha duración máxima de tres anos.

Son empresas que, debidamente cualificadas, realizan un traballo produtivo participando no mercado a través da produción de bens ou a prestación de servizos.

As Empresas de Inserción Laboral poden estar promovidas por unha ou varias Entidades Promotoras e a participación económica vai determinada en función da forma xurídica ca que se constitúan. A Empresa de Inserción Laboral Arroupa está participada ó 100% por Entidades sen ánimo de lucro; Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e a Fundación CADISAN.

OS NOSOS PIARES

A Fundación CADISAN é unha entidade sen ánimo de lucro, polo que non busca o beneficio económico, senon que persegue unha finalidade social, altruísta, humanitaria e comunitaria.

Traballa para o progreso, o desenvolvemento e o ben común da sociedade, enfocando as súas actuacións cara aqueles colectivos ou persoas con necesidades especiais ou en situación de vulnerabilidade.

As persoas priman sobre o capital e a aplicación dos resultados oriéntase cara o desenvolvemento sostible e o respecto polo medio ambiente.

REUTILIZACIÓN

A industria da moda é a segunda máis contaminante do planeta. Dar unha segunda vida útil á roupa é unha maneira de coidar o medio ambiente. En ARROUPA facemos unha labor enfocada á reciclaxe do téxtil, desde a súa recollida na rúa ata os puntos de venda.

Queres colaborar?

Si, con ARROUPA!